A campaña Presume de xardíns chega á súa fin, pero, un ano máis, ademais de agradecer a súa participación, dende o Concello queren premiar o traballo dos nenos e nenas na decoración das cabazas, unha iniciativa que trata de fomentar dende a infancia o respecto e o coidado das zonas verdes e os espazos públicos. Foron 228 en total, e están todos/as convidados/as a unha celebración moi familiar que se celebrará o vindeiro sábado día 18 de novembro, a partir das 11.00 horas, no mercado municipal.
Para animar á rapazada a seguir coidando a natureza, todos e todas poderán degustar un chocolate Mariño ben quentiño con pan de ovo da Brea, e ademais gozarán da actuación de Pakolas cun espectáculo que intentará seguir fomentando ese respecto polos espazos públicos a través da música.
Os nenos e nenas, as súas familias, o profesorado dos colexios Xesús San Luís Romero, Nétoma-Razo e da escola infantil As Estreliñas, que, de xeito colectivo ou individual participaron na iniciativa coas súas cabazas, reuniranse nesta celebración tan especial.
