Carballo | Presentadas as actividades invernais de Senda Nova

2 minutes read

A asociación Senda Nova presentou esta pasada fin de semana dúas das súas actividades que serán protagonistas nos vindeiros meses. Por unha parte a 12 edición da Escola Ambiental, e pola outra, 8 edición do Inverno Ancestral.

Neste comezo da 12 edición da Escola Ambiental, dende a asociación informan que hai que destacar o aumento de inscritos e inscritas, sendo probable establecer unha listaxe de agarda coa finalidade de que a maioría das persoas inscritas teñan a oportunidade de desfrutar do proxecto. Aparte dos participantes en anos anteriores, a Escola está composta por nenos e nenas carballeses que cursan entre terceiro e sexto de educación primaria. Esta rapazada formará a partires de agora un grupo firme de traballo que participará semanalmente das actividades propostas nesta edición do proxecto, e que terá case oito meses de duración.

Dentro do Inverno Ancestral, como cada ano, dan a benvida a actividades máis recollidas que poñen en valor en moitos casos o patrimonio inmaterial. Destaca entre as actividades as CONVERSAS DO RURAL,  faladoiros que se realizarán no Espazo da Natureza de Oza e que teñen como obxectivo poñer en valor a labor o traballo de activistas de diferentes áreas e lugares. Serán sete propostas e case unha decena de persoas relacionadas co patrimonio natural e o activismo social e cultural.

As VISITAS DO APALPADOR ás escolas unitarias seguirá dentro das programacións de ESPÍAS NO NOSO BOSQUE. Dentro do programa financiado pola Deputación da Coruña, os coñecementos sobre os animais autóctonos serán compartidos con nenos e nenas da contorna.

Tamén dentro da xeira de actividades de ESPIAS NO BOSQUE  realízanse os OBRADOIROS DE PEGADAS E INDICIOS  coa finalidade do coñecemento dos mamíferos autóctonos.

O DÍA INTERNACIONAL DAS ZONAS HÚMIDAS celebrarase como cada ano dende o ESTEIRO DO ANLLÓNS, unha das zonas húmidas máis importantes da zona.