Carballo promove unha escola de familias pola educación en igualdade

1 minutes read

Apego en igualdade é a denominación do programa, que veñen de presentar as concelleiras Ángeles Pacoret e Maica Ures e o alcalde, Evencio Ferrero, coincidindo coa celebración da primeira actividade este venres, un obradoiro de primeiros auxilios impartido por Protección Civil.

Maica Ures comentou que a idea de poñer en marcha a escola xurdiu a raíz dos obradoiros sobre xoguete non sexista celebrados en decembro. “Sempre dicimos que a maneira de desbotar as desigualdades é a educación e a formación, e iso é o que se pretende con esta escola”, apuntou, ademais de “seguir fomentando a co-responsabilidade na educación”.

Pola súa banda, Ángeles Pacoret apuntou que Apego en igualdade permitirá completar a oferta do programa Apego, ao que están adheridas xa máis de 350 familias, “creando un espazo cómodo no que as familias teñan a posibilidade de falar con xente profesional e obter información valiosa sobre as distintas problemáticas que poden aparecer hoxe no seo das familias”.

Evencio Ferrero felicitou aos dous departamentos implicados na organización deste novo programa, porque o obxectivo “é que teñamos unha sociedade libre de violencia, empoderar á muller e ás nenas, e que todo o mundo se sinta moi a gusto coa súa forma de ser e de querer”, e convidou a todas as familias a participar.

Programa