- Unha media de 2.000 persoas participan cada verán na actividade organizada pola ADC Volei Praia Costa da Morte e o Concello
A praia carballesa de Razo volve a contar con tres pistas de volei praia para o desfrute deste deporte tanto por particulares como polas escolas. O uso das mesmas é gratuíto, e desde o pasado 1 de xullo xa están en marcha as actividades organizadas pola ADC Volei Praia Costa da Morte coa colaboración do Concello de Carballo.
As redes están instaladas na zona da explanada, nunha superficie aproximada de 750 metros cadrados para fomentar a convivencia entre esta e o resto das actividades que se desenvolven no areal. Dende o Concello de Carballo «consideramos a práctica do volei praia dobremente interesante, xa que, por unha banda, achega un valor engadido á oferta de servizos que se prestan nas praias e, por outra, reforza a nosa aposta polo deporte como parte dunha vida saudable». Neste sentido, a Xunta de Goberno Local aprobou recentemente un convenio de colaboración coa ADC Volei Praia Costa da Morte para financiar a actividade cunha partida de 4.500 euros.
Esta iniciativa ten unha «excelente acollida», posto que nos últimos anos a media de persoas que utilizan as pistas de volei cada verán sitúase nas 2.000. As instalacións están dispoñibles para o público de 16.00 a 20.00 horas, pero tamén existe a opción de practicar deporte nas escolas de volei para todas as idades, a partir de 9 anos, a diario e de balde, de 17.00 a 18.00 horas. Ademais, o 25 de xullo celebrarase o Torneo Fundación Luis Calvo Sanz.