Carballo reforzará o dispositivo de seguridade e tráfico con motivo da eclipse do 12 de agosto

2 minutes read

O Concello de Carballo está a preparar un dispositivo especial de seguridade, tráfico e emerxencias ante o incremento de desprazamentos que se prevé para o vindeiro mércores 12 de agosto con motivo da eclipse solar.

Os concelleiros de Policía e Protección Civil, Juan Seoane e Miguel Vales, respectivamente; o inspector da Policía Local, Pedro Cancela, e o xefe de Protección Civil, Javier Souto, mantiveron unha reunión de coordinación para concretar as medidas que se adoptarán, especialmente na franxa costeira, ante a posibilidade de que se produza unha importante afluencia de persoas e vehículos.

O dispositivo incluirá un reforzo da Policía Local nas zonas nas que se prevé unha maior afluencia, así como a participación de persoal municipal e voluntariado de Protección Civil, que colaborará especialmente na regulación dos estacionamentos e dos accesos á costa.

Un dos principais obxectivos será evitar concentracións excesivas de persoas e vehículos en puntos concretos. Desde o Concello lémbrase que a eclipse será visible desde todas as parroquias, polo que se recomenda á veciñanza que, sempre que sexa posible, observe o fenómeno desde lugares próximos ao seu domicilio e evite utilizar o vehículo para desprazarse.

Nas zonas máis concorridas establecerase unha coordinación específica do tráfico. A medida que se vaian completando os espazos dispoñibles para o estacionamento, poderanse restrinxir os accesos e, chegado o caso, cortar o tráfico de entrada, permitindo unicamente o paso ás persoas residentes e aos servizos autorizados.

O dispositivo estará coordinado no marco do Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (Platerga).

O servizo de socorrismo nas praias prolongará ese día o seu horario ata que remate a eclipse, co obxectivo de garantir a seguridade das persoas que se atopen na costa.

Ademais, desde o inicio do fenómeno establecerase bandeira vermella nas praias, que se manterá ata o día seguinte, como medida preventiva. Os aseos públicos das zonas costeiras permanecerán tamén abertos durante o dispositivo.

O Concello insiste en que a mellor maneira de contribuír ao bo funcionamento do operativo é evitar desprazamentos innecesarios e repartir a presenza de público polo territorio, en lugar de concentrala nos puntos máis coñecidos da costa.

O mesmo mércores 12 celebrarase unha nova reunión de coordinación para avaliar a situación e adaptar, se fose necesario, as medidas previstas en función da afluencia de persoas e das condicións de tráfico.