Carballo rende homenaxe ao finado pediatra Pedro Tasende Díaz

1 minutes read
  • O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, intervirá na inauguración do II Encontro Médico de Bergantiños.

Pedro Tasende Díaz era natural de Montecelo (Oca, Coristanco), exerceu 38 anos de pediatra no centro de saúde de Carballo, onde se xubilou a mediados do 2011. En Carballo desenvolveu toda a súa vida persoal e profesional, e tivo consulta privada na rúa Desiderio Varela. Polas súas mans pasaron varias xeracións de nenos e nenas de Carballo, pero tamén da comarca. Ademais tamén participou nos inicios da asociación Vieiro, na primeira Xunta Directiva da entidade e na Comisión Médica da asociación.

O II Encontro Médico de Bergantiños que se celebra este sábado en Carballo pretende ser un evento científico pero tamén social, e por iso está aberto á participación de toda a veciñanza sen necesidade de inscrición. E nesta ocasión, ademais, para poñer en valor o traballo desenvolvido polos médicos de familia durante toda a pandemia, está dedicado moi especialmente aos profesionais que temos máis preto. Un deses médicos foi Pedro Tasende Díaz, falecido a principios deste ano, que recibirá a homenaxe póstuma dos seus compañeiros e compañeiras e de toda a sociedade carballesa. O alcalde,Evencio Ferrero, puxo en valor ademais o compromiso social de Pedro Tasende Díaz, que se materializou tamén a través da súa participación política como concelleiro de UCD no primeiro mandato da democracia.