Carballo | Reparadas as rúas máis afectadas tras ser unha alternativa para o tráfico durante varias obras

1 minutes read
  • O Concello xa completou a mellora das rúas Nébedas, Lirios, Fiúnchos, Xestas e Buxos

Tal como estaba previsto, unha vez rematadas as obras de reurbanización do eixo viario Barcelona-Luis Calvo e da avenida das Flores, o Concello de Carballo acondicionou as rúas que se utilizaron como alternativa para o tráfico rodado durante a execución dos traballos e que, debido ao incremento da circulación, quedaran deterioradas.

O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, fixeron un percorrido polas vías arranxadas pola empresa Excavaciones Pose, que rematou os traballos nas rúas Nébedas, Lirios, Fiúnchos e Xestas, na zona da Cristina; e Buxos, na de San Cristovo.

Nestes momentos o Concello de Carballo ten en marcha o procedemento de licitación do contrato de conservación, mantemento e reparación da rede viaria municipal por un período de dous anos, prorrogable ata un máximo de cinco. Para os dous primeiros anos fíxase un tope de investimento de 660.000 euros.