- Estará en funcionamento de luns a venres de 13.30 a 17.30 no mes de xullo e ata as 16.30 horas en agosto.
- Haberá sección de préstamos e bookcrossing.
O areal carballés de Razo volve a contar, por segundo ano consecutivo, cunha biblioteca moi especial: ‘A praia dos libros’, que funcionará ao igual que o ano pasado, abrindo de luns a venres de 13.30 a 17.30 horas no mes de xullo e de 13.30 a 16.30 en agosto.
Este mércores achegáronse ata o posto o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo; e a concelleira de Normalización Lingüística, Maruxa Suárez, quen puideron comprobar a boa acollida que teñen as instalacións.
O funcionamento da bibliopraia é similar ao resto: con cunha sección de préstamo, na que se require o carné da biblioteca e que pode tramitarse na propia instalación, e outra de bookcrossing ou uso libre.
Pero ‘A Praia dos Libros’ non chega soa, senón que ao longo do verán tamén se desenvolverán na beira do mar outras actividades culturais. Na xornada de onte proxectouse a película xuvenil ‘Live is life’ pero hai máis ofertas:
- 20 de xullo, ás 13.00 horas, “Canta música”: espectáculo musical con Pablo Díaz e Olga Kirk, en Razo.
- 17 de agosto, ás 13.00 horas, “Galdaka”: espectáculo de maxia con Dani García, en Razo.
- 17 de agosto, ás 22.00 horas, proxección da película “Jumanji: seguinte nivel” na Pedra do Sal, coa colaboración da Asociación Cultural O Castro de Lema.
A concelleira de Normalización Lingüística, pola súa banda, aproveitou a visita para presentar o terceiro caderno de pasatempos “A píllara das dunas”, que estará a disposición de todas as persoas interesadas, e de balde, na bibliopraia de Razo e nos postos de salvamento e socorrismo das praias de Pedra do Sal e Baldaio-Saíñas. Maruxa Suárez tamén animou á veciñanza e a visitantes a achegarse a recoller un exemplar e sacar unha foto do mesmo desde calquera lugar etiquetando nas redes sociais ao Concello ou Turismo Carballo.