Carballo | Semana grande do San Xoán coa aposta pola música local e festas de pequeno formato

San Xoán_Concello de Carballo

  • As celebracións repartiranse entre distintos barrios a modo de proba dun novo modelo de festas cara vindeiros anos

Se hai un concello na Costa da Morte que viva dunha forma especial a festa do San Xoán, ese é Carballo. Coincidindo ademais coas súas festas patronais, que tristemente seguen no recordo debido á chegada da pandemia da covid-19, desde a Concellaría de Festas resolveu outro xeito de animar a todos os veciños a través dunha serie de actividades de pequeno formato.

«Dende o Concello pretendemos que o San Xoán non perda a súa capacidade de dinamización económica a través, fundamentalmente, dos sectores da hostalaría e o comercio», destaca a concelleira de Festas, Maruxa Suárez. Nesa liña enmárcanse as campañas “A festa levámola dentro” e “Máis de Carballo que o pan”, que están en marcha nestes momentos, con moi boa acollida tanto entre o público como entre os 114 establecementos participantes.

Martes 22. Día do pregón. A actividade celebrarase ás 20:30 horas na Praza do Concello, coa participación de Sergio Varela, presidente da comisión de festas; Maruxa Suárez, concelleira de Festas, e Evencio Ferrero, alcalde de Carballo. Seguindo a tradición, a Banda de Música Municipal ofrecerá o seu concerto de San Xoán. Se as condicións meteorolóxicas non son óptimas, o día antes darase a coñecer outro plan.

Xoves 24 e venres 25. A partir das 20:00 horas terá lugar un dos primeiros concertos da campaña de promoción do comercio local “A festa levámola dentro”. Nesta primeira sesión participarán os grupos carballeses Chicharrón, Tu futura ex-mujer e Lowcos. O venres será o turno de Quercus Blues e Elvis Negro. Estas actuacións desenvolveranse nas pistas deportivas do Chorís xa que «facilitarán o control de accesos, dado que se trata dun recinto pechado perimetralmente, e permitirá garantir as medidas de prevención do coronavirus», destacan desde o Concello. O público estará sentado en cadeiras numeradas, repartidas en varias zonas burbulla, e será obrigatorio o uso de máscara.

Este tipo de actividades e festas, máis descentralizadas, servirán tamén para poñer a proba un novo modelo de San Xoán de cara aos vindeiros anos «con escenarios repartidos polos distintos barrios urbanos». Nese obxectivo tamén se enmarca a colaboración do Concello nos concertos que organiza Orballo Cultural para a fin de semana do 26 e o 27 na Milagrosa.

Concurso de flores de San Xoán
Despois do éxito acadado o pasado ano, o Concello convoca a segunda edición do concurso en redes sociais “Flores de San Xoán”. Os participantes deberán enviar unha fotografía da súa porta, ventá ou balcón decorados con flores e plantas tradicionais desta festividade.

Consulta aquí como podes celebrar as cachelas de San Xoán en Carballo.