- A Concellaría de Festas tratará de ofrecer actividades alternativas sempre que a situación sanitaria o faga posible
Como era de esperar, as festas de San Xoán de Carballo tamén caeron como consecuencia da pandemia do COVID-19 no noso país. As limitacións establecidas nas fases de desescalada elaboradas polo Estado son incompatibles co formato tradicional deste evento. Por ese motivo, e sempre que a situación sanitaria o permita, a Concellaría de Festas tratará de artellar algún tipo de programación alternativa.
A decisión foi comunicada polo alcalde, Evencio Ferrero, nunha xuntanza telemática celebrada este mércores cos voceiros dos grupos municipais.
Aínda que a Semana Grande de Carballo coincidirá coa última fase do plan de desescalada, as restricións son aínda demasiado importantes como para congregar a un número elevado de persoas. As limitacións tamén afectan ao sector da hostalaría, que é un dos máis beneficiados polas festas, xa que os locais non poderán superar a metade da súa capacidade, nas terrazas tampouco poderán superar a proporción do 50% entre mesas e superficie, e os bares nocturnos e discotecas poderán ter un aforo máximo de 1/3.
A concelleira de Festas agradece o traballo desinteresado, a implicación e a colaboración de todas as persoas que forman parte da comisión de festas. “Polo ben de todos e todas, porque a saúde debe ser o primeiro, este ano, e por primeira vez, polo menos na historia recente, Carballo non poderá celebrar as súas festas. Pero a vida segue e haberá outros San Xoán, e para todos os que veñan agardo seguir contando con vós”, sinalou Maruxa Suárez.