Carballo tiña ganas de autocrós, e este non defraudou


  • Perfecto Calviño, Gabriel Serrano, Eduard Bañeres, Antón Muiños, Josep Aranda e Ferran Fornell foron os gañadores no CEAX 13 Autocrós Carballo.

Aínda que finalmente non houbo récord de participación esta tempada na cuarta proba do CEAX Goldspeed celebrada esta fin de semana no circuíto municipal de Carballo, si se contou cunha elevada presenza de pilotos pois foron 109 os autorizados tras as verificacións técnicas. Organizada polo Club Rally Coruña e despois de non disputarse o ano pasado debido ás restricións sanitarias, esta vez si se puido contar coa presenza de público, perfectamente distribuído polas zonas habilitadas para o efecto. Cunha xornada calorosa o sábado e algo máis fresca o domingo, Perfecto Calviño en División 1, Gabriel Serrano en División 2, Eduard Bañeres en División 3, Antón Muiños en Car Cros, Josep Aranda en Car Cros Júnior e Ferran Fornell en Car Cros Promoción foron os gañadores dos Campionatos e Copas de España convocados.

Por outra banda, tamén se fixo unha modificación ao regulamento deportivo debido á problemática global que afecta a materias primas e transportes, entre outros, ao comunicar o provedor da marca Goldspeed que hai certos problemas sobre dispoñibilidade e subministración de pneumáticos para as categorías de Car Cros, polo que os órganos de goberno da RFEDA decidían anular momentaneamente a obrigatoriedade de levalos, podendo utilizar os doutras marcas.