- A Xunta de Galicia aínda ten pendente de adxudicación o contrato de redacción do proxecto de ampliación
O ano 2021 rematou con moi bos datos para o polígono empresarial de Bértoa, en Carballo. Se ben a principios de ano había 20 parcelas dispoñibles, doce meses despois tan só quedan catro. Nos últimos días do 2021 foi adxudicada por 81.520 euros unha parcela de 2.028 metros cadrados a unha empresa dedicada á mecanización de perfís de aluminio. O parque empresarial carballés continuou tamén no pasado ano á cabeza de Galicia en venda de solo, pero «xa non queda solo para comprar», afirman desde o goberno local.
Na actualidade está en tramitación o cambio da normativa que afecta a dúas parcelas de uso terciario para reconvertelas en solo industrial, o que permitiría poñer no mercado algo máis de 23.000 metros cadrados. De todas formas, desde o executivo local aseguran que a solución definitiva á necesidade de solo industrial que existe no municipio «só pode chegar a través da imprescindible ampliación do polígono, que segue acumulando retrasos».
A Xunta anunciou a licitación da redacción do proxecto sectorial para xuño do 2021, pero realizouse en outubro e aínda está pendente de adxudicación. Presentáronse dúas empresas, e o 17 de decembro reuniuse a mesa de contratación para proceder á apertura do sobre A, pero unha das empresas debe achegar documentación complementaria, o que suporá unha demora engadida.
A partir da adxudicación, a empresa disporá de nove meses para redactar o proxecto, aínda que no propio prego estímase que a duración do contrato “pode acadar os 18 meses” debido a que tamén hai que ter en conta “os prazos previstos para exposición pública, trámites de audiencia e achega de documentación que depende doutras administracións”. A aprobación do proxecto por parte do Consello da Xunta podería producirse, polo tanto, a mediados do ano 2023. Os seguintes pasos serían a expropiación dos terreos (Xestur xa posúe o 50%, aproximadamente) e a contratación das obras de urbanización, que poden alongar o proceso ata ao ano 2024 ou máis alá. «Neste momento hai empresas que teñen como preferencia situarse en Carballo e non poden facelo por falta de solo industrial», lamenta o alcalde, Evencio Ferrero.
O actual parque empresarial carballés consta de dúas fases: unha primeira de 285.000 metros cadrados, construída en 1988 por iniciativa privada, e unha segunda de 718.000 metros cadrados, promovida por Xestur, que empezou a construírse no 2008 e foi inaugurada no 2010. O novo proxecto sectorial que está en contratación nestes momentos corresponde a unha terceira fase de 554.000 metros cadrados.
