A vertedura foi localizada xa no inicio da súa procedencia, na AC-552 en Bértoa, á entrada de Carballo. Varios usuarios da vía deron a voz de alarma pasadas as dúas da tarde deste martes, informaban do deslizante que estaba a estrada nalgún tramo onde a acumulación desta vertedura, probablemente gasóleo, podería carrexar serio perigo para condutores e peóns. O 112 Emerxencias Galicia enviou en primeira instancia a Protección Civil de Carballo, pero dada a dimensión e a distancia do traxecto afectado foi necesario mobilizar aos Bombeiros de Carballo, quen con dous camións e o apoio dun máis de Protección Civil foron paso a paso botando líquido repelente e lavando a capa de rodadura das rúas afectadas. Víronse prexudicadas a Avenida de Bértoa, Vázquez de Parga, Emilia Pardo Bazán, Avenida Ponte da Pedra, Perú e Luís Calvo. Foron necesarias máis de dúas horas para restablecer a normalidade circulatoria, que se levou a cabo coa colaboración da Policía Local.
