Carballo viviu unha gran festa inaugurando o parque comercial e de lecer A Revolta

2 minutes read

Este sábado botou a andar unha potente iniciativa comercial en Carballo, denominada parque comercial e de lecer A Revolta. Nun acto de presentación oficial moi concorrido estiveron numerosas autoridades locais, comarcais, provinciais e autonómicas. Á cabeza o vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde; o director xeral de Comercio, Manuel Heredia; o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Vieites; ademais dos alcaldes de Carballo, Evencio Ferrero Rodríguez; A Laracha, José Manuel López Varela; e Coristanco, Juan García Pose. Todos acompañaron aos socios e promotores da iniciativa, Manuel Añón, Juan Vilariño e Ramón Regueira, ademais de o coordinador do parque comercial e de lecer, Pablo Gómez Polín, quen afirmaba que a instalación inicia a súa andaina co obxectivo de situar a Carballo como destino de compras preferente para máis de 150.000 persoas da Costa da Morte e arredores.

Francisco Conde, sinalou as oportunidades laborais que achega esta iniciativa, que supón reforzar a oferta da comarca, apostou polo equilibrio e por promover a convivencia entre os diferentes formatos comerciais, lembrando que o novo centro carballés conta con 15 locais que dan emprego a máis de 280 persoas de forma directa e indirecta.

O acto estivo perfectamente conducido pola xornalista Marta Darriba e coreografiado pola música e animación da compañía galega de espectáculos musicais e eventos Queiman e Pousa, un tándem orixinario de Redondela (Pontevedra), que fixo moitas alusións no seu guión á antiga sala de festas A Revolta, onde moitos dos centenares dos presentes viviron grandes momentos da súa mocidade. Tras o espectáculo de animación e interpretación baixo a espectacular voz de Andrea Pousa e as correspondentes intervencións do conselleiro Francisco Conde, o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero e o coordinador do centro, Pablo Gómez Polín, procedeuse ao corte da cinta inaugural. Acto seguido, os presentes acompañaron ás autoridades polas máis de 12 tendas abertas xa para a ocasión, aínda que a apertura oficial ao público será este luns 8 de maio en horario habitual de 9 a 21:30 horas. Para finalizar o acto a xerencia do parque comercial convidou os presentes a un viño español e a uns petiscos. O parque comercial e de lecer A Revolta conta con firmas de primeiro nivel a escala mundial como son: Mercadona; Jysk; Sprinter; Tedi; Tiendanimal; Pepco; Merkal; McDonald’s; Max Colchón; Arenal e unha estación de servizo.

*Os seguintes vídeos poden tardar en cargarse no seu dispositivo, en función da súa conexión á rede.

Francisco Conde López – Vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia.
Evencio Ferrero Rodríguez – Alcalde de Carballo.
Manuel Añón Rey – Promotor (Grupo Hierros Añón).
Juan Vilariño Pena – Promotor (Vipecón Galicia).
Ramón Regueira Otero – Promotor (AD Grupo Regueira).
Pablo Gómez Polín – Coordinador Parque Comercial A Revolta.