Carballo volve a adherirse á Semana Europea da Mobilidade

2 minutes read
  • Será cun programa amplo e participativo con rutas a pé, en bici, agasallos e actividades na rúa.

Aínda que a Semana Europea da Mobilidade se celebra sempre do 16 ao 22 de setembro, en Carballo este ano volven a incluírse no programa actividades na fin de semana previa, neste caso organizadas directamente por entidades. O sábado 14 é o día da xa clásica Pequerruta da Agrupación Deportiva Media Ducia, que xa ten aberto o prazo de inscrición, e o domingo 15 celébrase a 7ª edición da Ruta en bicicleta por Sísamo que organiza a Asociación de Veciños Santiago Apóstol, que ten deseñado un percorrido para todas as idades por distintos puntos da parroquia con remate no Pazo do Souto.

A partir do luns 16 haberá circuítos de seguridade viaria, andainas, xogos na rúa, xogos inclusivos, ruta urbana en bici, rutas guiadas pola arte urbana e polo Carballo histórico, concursos nas redes sociais, agasallos, etc.

Este ano volve a poñerse en marcha o bicibús coa colaboración do Club Ciclista Carballo e coa participación dos catro colexios de primaria da zona urbana e o Artai. Cada día da semana o alumnado que o desexe poderá ir ao cole en bicicleta acompañado por voluntarios do Club Ciclista, Policía Local e Protección Civil, que sacará á rúa a súa unidade ciclista. A iniciativa vai dirixida a nenos/as de 6º de primaria, que poden informarse nos seus coles. Tamén se celebrará a clásica Festa do Pedibús para os nenos e nenas que o utilizaron o curso pasado, aos que premiaranse cunha merenda e unha actuación. Antes, o propio alumnado sinalizará con pintura as rutas ata cada cole. O concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane explicou os detalles de todas as actividades a celebrar.

Acto de presentación das actividades da Semana Europea da Mobilidade este mércores en Carballo.