Case cen participantes este ano nos cursos de poda e enxerto organizados polo Concello de Carballo e Dixardín

1 minutes read

Esta pasada fin de semana celebrouse na parroquia de Oza, no límite coa de Cances, o primeiro dos tres obradoiros programados, no que participaron 30 persoas.

Unha das características desta actividade é o seu carácter itinerante. Desde o ano 2022 vimos levándoa por distintas parroquias, e neste 2026, ademais de Oza, haberá cursos nas parroquias de Sofán, este sábado 14, e Carballo, o día 21.

O obxectivo é seguir programando este tipo de accións, que nun futuro non moi lonxano agardan poder concentrar na Horta Seixo Branco, na que, coincidindo co Día Forestal Mundial do 2024, puxeron en marcha un proxecto de recuperación de variedades autóctonas de árbores froiteiras, tanto buscando a preservación de especies locais para a súa difusión e posta en valor para o cultivo particular e profesional coma para dotar o noso concello dunha aula interactiva na que poidan desenvolverse actividades medioambientais dirixidas a toda a poboación, entre elas os cursos de poda e enxerto.

A Horta Seixo Branco conta xa con máis de 200 árbores froiteiras, pero haberá que agardar aínda uns anos para poder convertela nun centro didáctico que permita seguir fomentando unha xestión axeitada dos recursos naturais. Para ir traballando xa nese sentido, a todas as persoas que participan nos cursos de poda fáiselles entrega dun exemplar de maceira para que ese proceso de recuperación das variedades autóctonas chegue tamén ás fincas particulares.