Case cen positivos, un colexio e 27 aulas pechadas na primeira semana de escola


A Xunta de Galicia fixo público este sábado a relación completa de casos positivos e peches que se produciron nos distintos centros de ensino de Infantil e Primaria. Nestes primeiros días de curso detectáronse un total de 96 casos positivos en Galicia, que obrigaron ao peche de 27 aulas, ademais da xa referida clausura do Colexio Calasancio. Os positivos afectaron a 73 centros distintos, nun total de 39 concellos diferentes. Os 27 peches de aulas leváronse a cabo en 18 localidades.

Por concellos, os máis afectados polos contaxios nos centros de ensino foron Pontevedra (16 positivos, 1 colexio e 4 aulas pechadas) e A Coruña (13 positivos e 5 aulas pechadas). En Pontevedra foron 8 os centros afectados e na Coruña foron 9. Ourense (8 positivos e 1 aula pechada) e Compostela (8 positivos e 2 aulas pechadas) tamén sufriron varios casos. O mesmo que Lugo (5 positivos pero sen aulas pechadas) e Vigo (5 positivos e 1 aula pechada). Fóra das cidades, só Padrón, Sanxenxo, Redondela, Marín, Friol, Brión e Carballo tiveron máis dun positivo.