Trátase de 41 monumentos representantivos das diferentes rutas do Camiño de Santiago que pasan pola comunidade galega, aos que se suman 50 doutras 10 autonomías que colaboran na iniciativa.
A iluminación nos concellos galegos levarase a cabo en tres fases –do 22 ao 25 de decembro, do 26 ao 28 e do 29 ao 31- e de forma secuencial a través das distintas etapas das rutas xacobeas ata chegar á catedral de Santiago evocando o percorrido que realizan os peregrinos. Así, os monumentos escollidos para cada fase iluminaranse de cor azul, coa proxección do logotipo do Xacobeo 2021 e a frecha amarela.
Ademais, na Torre do Reloxo da Catedral, coñecida como A Berenguela, proxectarase durante o período un vídeo de animación que tamén recreará a peregrinación a Compostela.
Á iniciativa sumáronse 10 comunidades autónomas –Andalucía, Aragón, Asturias, Cantabria, Castela e León, Estremadura, A Rioxa, Madrid, Murcia e Navarra- iluminando outros 50 monumentos, moitos deles vinculados ao Camiño de Santiago. Castela e León seguirá a mesma secuencia por fases que a comunidade galega e no resto de autonomías o acendido realizarase o 31 de decembro. No caso de Madrid, as iluminacións na glorieta de Atocha e no distrito de Fuencarral co logo do Xacobeo 2021 en gran formato estarán presentes durante todo o Nadal.