Catro feridos tras dous accidentes de tráfico no mesmo punto en Maside

dpm.

Dous sinistros no mesmo punto da A-53, que une Ourense con Dozón, deixan un balance de catro persoas feridas de diversa consideración. O primeiro accidente, que quedou nun gran susto, foi o que provocou o segundo horas máis tarde.

No quilómetro 81 da A-53, á altura do concello ourensán de Maside, un camión bate contra a medianeira tras rebentarlle unha roda ás sete e cuarto da mañá. O condutor logra saír polo seu propio pé. Non hai máis vehículos implicados.

A garda civil corta un dos carrís para poder retirar o tráiler accidentado. Precisan un guindastre de grandes dimensións. Entón, o susto remata por se converter en traxedia.

Un coche, que non ve a sinalización, bate contra os conos, colisiona con outro vehículo que circula correctamente e acaba impactando co guindastre. Os bombeiros tiveron que excarcerar unha persoa atrapada nun dos coches accidentados. Outra tivo que ser evacuada nun helicóptero medicalizado. O dobre sinistro que comezou nun susto deixa unha parella con prognóstico grave. A súa filla menor e un amigo da familia, que viaxaban no mesmo vehículo, ingresaron nun centro hosptiralario con feridas leves.