Catro propostas sobre a mesa para prestar o servizo de atención temperá na Laracha

1 minutes read
  • O importe máximo supera os 31.000 euros, a financiar cunha achega da Consellería de Política Social

A Laracha avanza no procedemento de adxudicación do servizo de atención temperá que comezará a prestarse proximamente no concello. Este mércores, a Mesa de Contratación reuniuse para proceder á apertura das plicas e á clasificación das catro propostas presentadas polas empresas licitadoras. O importe máximo deste contrato ascende a 31.156,88 euros, que serán financiados cunha achega da Consellería de Política Social.

A atención temperá consiste nun conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil (0 a 6 anos), á súa familia e ao seu contorno, que ten por obxectivo dar resposta o antes posible ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos, facilitando a súa autonomía persoal e inclusión social.

Grazas a este programa, o concello da Laracha contará cun logopeda, un psicopedagogo e un mestre de educación especial para ofrecer unha intervención biopsicosocial que favoreza a adquisición ou a recuperación de funcións e de habilidades persoais e sociais dos nenos.

En todo caso, a derivación a este servizo corresponde ao pediatra de referencia do neno, ao que debe acudir a familia se sospeita que pode presentar un trastorno do desenvolvemento.