Este sábado tivo lugar o acto de homenaxe a Concha Seoane, impulsado por Aspadex Cee, no que se recoñeceu publicamente a traxectoria vital e profesional dunha muller clave na defensa dos dereitos e da inclusión das persoas con discapacidade. O acto contou coa participación da alcaldesa da localidade, Margot Lamela, e de numerosos alcaldes, alcaldesas e representantes sociais de toda a Costa da Morte. O acto serviu para render unha emotiva homenaxe á que foi directora de Aspadex durante máis de catro décadas, e para oficializar que o centro de día da entidade leve desde agora o nome de Concha Seoane, un xesto que simboliza o profundo agradecemento das familias, das persoas usuarias e da comunidade polo seu legado humano e profesional.
A deputada provincial, Mónica Rodríguez, puxo en valor «o compromiso incansable de Concha Seoane coa dignidade, a autonomía e a igualdade de oportunidades», subliñando que o seu traballo «marcou un antes e un despois non só en Aspadex, senón en toda a comarca e no conxunto de Galicia». A deputada destacou tamén o papel do tecido asociativo como aliado imprescindible das administracións públicas na construción dunha sociedade máis xusta e inclusiva. Reiterou o compromiso da Deputación da Coruña co apoio ás entidades sociais que traballan no ámbito da discapacidade, lembrando que «o benestar social, a atención ás persoas máis vulnerables e o fortalecemento dos servizos de proximidade son prioridades centrais das políticas provinciais», e concluíu sinalando que «a figura de Concha Seoane seguirá sendo unha referencia ética e social».