Cee e Vimianzo lideran as vendas do programa MercaNaVila en Bergantiños e Costa da Morte

1 minutes read

Segundo o último balance, con datos actualizados desta semana, o programa MercaNaVila, impulsado pola Deputación da Coruña para apoiar o comercio de proximidade nos concellos de menos de 20.000 habitantes, acumula 76.446 bonos descargados, máis de 156.305 operacións realizadas e un volume total de 8.921.175 euros mobilizados en vendas.

Na comarca de Bergntiños-Costa da Morte, destacan especialmente os resultados de Cee e Vimianzo. Cee rexistrou 10.434 operacións cos descontos de MercaNaVila e vendas por un total de 581.721 euros. Vimianzo alcanzou 2.541 operacións e preto de 155.000 euros en vendas.

A continuación sitúanse Santa Comba, Zas, A Laracha, Camariñas, Ponteceso ou Mapilca. En conxunto, os once concellos de menos de 20.000 habitantes da comarca suman 1.472.985 euros en vendas.

A deputada de Emprego, Rosa Ana García, acompañada da alcaldesa de Vimianzo e deputada provincial, Mónica Rodríguez, das concelleiras María José Pose e Beatriz Pazos e a presidenta da Asociación local de comerciantes, Rocío Santos, visitou hoxe varios dos 23 comercios de Vimianzo adheridos ao programa MercaNaVila para coñecer as impresións dos e das comereciantes, que destacaron o impacto da medida nas vendas e demandaron unha ampliación do prazo para poder realizar as compras, que remata este xoves, 20 de novembro.

Rosa Ana García afirmou que que «o programa MercaNaVila está a demostrar a forza do pequeno comercio como motor de desenvolvemento económico e social nos nosos concellos, xerando actividade, emprego e cohesión territorial. As cifras estannos mostrando que cada vez son máis as persoas consumidoras que usan os descontos de MercaNavila para realizar as súas compras».