Cee será un dos municipios beneficiarios das axudas a potenciar as prazas de abastos como ‘Mercados Excelentes’

1 minutes read

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou a praza de abastos de Cee, un dos 13 municipios da provincia da Coruña e dos 31 de toda Galicia beneficiarios das axudas autonómicas deste ano dirixidas a potenciar estes espazos como Mercados Excelentes. En concreto, a axuda a este concello é de máis de 182.000 euros para as anualidades 2025 e 2026 e está dirixida ao acondicionamento de distintos postos da praza e a mellora da planta utilizada como parking. Esta achega de 2025 súmase ás recibidas ao abeiro das convocatorias de 2023 e 2024, que suman preto de 113.000 euros para distintas melloras realizadas neste edificio.

Na visita, o director xeral estivo acompañado pola alcaldesa de Cee, Margarita Lamela, e puxo de relevo o carácter innovador das actuacións que se están levando a cabo nesta infraestrutura mentres as praceiras e praceiros desenvolven a súa actividade noutro local provisional que tamén visitou Gabriel Alén xunto coa alcaldesa.

Neste sentido, o director xeral sinalou que o espírito das obras concorda coa aposta do Executivo galego a prol de fortalecer e consolidar unha rede ao abeiro do selo de Mercados Excelentes, un distintivo que impulsa a Xunta para recoñecer aquelas prazas de abastos que están a responder de xeito diferencial e destacado aos retos da modernización e a innovación sen perder a súa autenticidade e tradición. Precisamente, o Plan Estratéxico de Comercio inclúe accións dirixidas a estes fins, entre elas a iniciativa Prato do Mercado, que poñerá en valor a importancia do produto fresco dos mercados que se atopa nos menús dos mellores restaurantes das nosas contornas.