- Todos os asuntos, incluído o plan económico financeiro para o período 2020-2021, foron aprobados sen votos en contra
Os 21 membros da corporación participaron dende os seus despachos ou dende as súas casas no primeiro pleno telemático da historia do Concello de Carballo, que durou 47 minutos e no que todos os asuntos foron aprobados sen votos en contra. A sesión comezou cunha lembranza das vítimas da COVID-19 e tamén do primeiro alcalde da democracia, José Sánchez Vilas, falecido durante o estado de alarma.
A unanimidade inicial estendeuse aos primeiros puntos da convocatoria: a aprobación das actas das sesións anteriores, celebradas os días 2 e 9 de marzo, e unha corrección da memoria xustificativa do plan parcial do sector de solo urbanizable delimitado de Conservas Calvo.
Sen embargo, este acordo rompeuse ao tratar a depuración de valores do inventario municipal de bens como consecuencia da posta en marcha dunha nova aplicación informática e a aprobación de manuais de xestión do patrimonio, xa que se abstivo toda a oposición. Tamén foi aprobada a conta de recadación do exercicio 2019, por 11 millóns de euros, neste caso coas únicas abstencións dos tres edís socialistas.
No relativo á aprobación do plan económico financeiro para o período 2020-2021, os catro concelleiros/as do PP votaron a favor pero demandaron a utilización do remanente para o plan de reactivación económica pola COVID-19. A concelleira de Facenda, Belén Lendoiro, lembrou que, tal como recolle o informe de Intervención, o que xerou o incumprimento da regra do gasto foi a incorporación de remanente para investimentos, e unha vez máis criticou que non se permita aos concellos a utilización do seu remanente.
A corporación municipal tamén aprobou este luns o POS+Adicional do 2020 para gasto corrente e investimentos financeiramente sostibles. Dos 413.323,59 euros que lle corresponden ao Concello de Carballo, 138.322,27 destinaranse a gasto corrente, e 275.001,32 permitirán completar as redes de saneamento e abastecemento de auga na parroquia de Berdillo, en concreto nos lugares de O Curro, Aseñado, A Chavella, O Alto e A Redonda. Todos os grupos votaron a favor menos TeGa, que se abstivo por non coñecer o destino dos fondos para gasto corrente.
No apartado de rogos e preguntas, o PSOE pediu a reformulación do orzamento municipal para facer fronte á crise provocada pola COVID-19, e Evencio Ferrero respondeulle que “non é un rogo, senón unha obriga na que xa estamos a traballar e na que esperamos a unanimidade da corporación”. TeGa tamén presentou rogos e preguntas, pero, dado que non foi posible recibilas ata última hora e non se puido recoller a información precisa, acordouse que serán atendidos no próximo pleno.