Celebrada unha nova edición da festa do pan de Cea


O “Pan de Cea” defínese como o pan que se elabora con fariña de trigo, da que o 50% procede das variedades da Comunidade Autónoma de Galicia coñecida como “do país”, con adicción de auga potable e sal comestible, ao que se engade para a súa fermentación masa nai que provén dunha elaboración anterior. O amasado realízase en varias etapas, seguindo as técnicas ancestrais da propia zona, mediante un laborioso proceso artesanal. Por último a masa cócese en fornos circulares de pedra granítica de deseño característico da zona.

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, e do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, asistiu este domingo á XXIX Festa do Pan de Cea, na que reivindicou o papel deste alimento na dieta e na economía local e galega. O conselleiro puxo en valor que o pan de Cea, que conta coa súa propia Indicación Xeográfica Protexida, xerou no ano 2021 un valor económico estimado superior aos 1,1 millóns de euros e unha produción certificada de máis de 400 toneladas.