Celebrado en Muxía o primeiro pleno telemático da Costa da Morte

1 minutes read

A sesión celebrouse este xoves ás 19:00 horas, onde o Concello de Muxía aprobou no primeiro pleno telemático da comarca o aumento no número de horas do Servizo de Axuda no Fogar (SAF). A ampliación no horario do SAF muxián estableceuse mediante un suplemento de crédito, así como da partida do servizo da lavandería sobre rodas.

Suporá un incremento no gasto de 68.000 euros, ao que o alcalde, Iago Toba, respondeu que “era moi necesario aumentar o número de horas, xa que se trata de servizos indispensables nun contexto de crise sanitaria”.

Contou cos votos favorables de todos os partidos da corporación muxiá, ao que o alcalde, Iago Toba, quixo amosar “o compromiso de todas e todos porque esta situación se solvente o antes posible. É a primeira vez que se celebra un pleno en Muxía con estas características, desgraciadamente polo contexto que nos tocou vivir. Quero agradecer o esforzo a Protección Civil, á Policía Local, aos operarios municipais, ao equipo de voluntariado, aos traballadores administrativos, á secretaria e á irtenventora, a Gonzalo de Servizos Sociais por poñer este pleno en marcha, aos sectores afectados, o mundo do sector primario, sanitarios, transportistas e á cidadanía de Muxía en xeral. Aprendemos día a día a lidiar cunha situación deste calado e facémolo coa mellor bandeira posible: a unión”, destacaba o rexedor.