Centos de familias gozan no Gaiás da ‘Cidade Imaxinaria’

1 minutes read

A Cidade da Cultura de Galicia volveu converterse este sábado nun mundo onde mandaron a imaxinación e a fantasía. Foi grazas á Cidade Imaxinaria, un evento lúdico e familiar que se celebra todos os veráns desde hai nove edicións e que, desde o ano pasado, incorpora unha segunda cita en abril para encher de diversión a primavera compostelá. Ademais de festexar a chegada do bo tempo, con este evento o Gaiás quixo conmemorar tamén o Día Internacional do Circo -celebrado a pasada semana- cunha programación chea de acróbatas, malabaristas, trapecistas, clowns e saltimbanquis que conquistaron todos os recunchos do complexo.

Cidade Imaxinaria Primavera ofreceulles ás persoas asistentes unha tarde de sábado familiar, ao aire libre e de balde, na que durante catro horas ininterrompidas os xogos de enxeño, instalacións e espectáculos itinerantes compartiron espazo e programación con acróbatas, equilibristas, funcións de teatro e clown, e outros contidos de temática circense que conquistaron a cativada.

Os espectáculos sucedéronse en diferentes puntos dos exteriores da Cidade da Cultura. Así, tanto a Praza Central como o anfiteatro ao aire libre do novo Xardín do Teatro -aberto ao público desde a pasada Semana Santa- acolleron funcións de novo circo, malabares e espectaculares coreografías con acrobacias aéreas para conter o alento. Actuacións itinerantes cheas de cor, como a dos Coruscantes -seres de fantasía que se desprazaron polo complexo acompañando as familias- fixeron as delicias dos máis pequenos e pequenas.