O Concello de Cerceda adxudicará a substitución do céspede artificial do Campo de Fútbol do Roxo cunha previsión económica de 312.781, 94 euros, nuns traballos que mellorarán non só a usabilidade, tamén a calidade medioambiental destas instalacións.
Presenta unhas dimensións de de 105,5 metros de largo por 69,2 metros de ancho, é dicir, unha superficie total de 7.300 metros cadrados. Estímase que as obras comecen durante a tempada estival, estando preparada para comezar a tempada 2026/2027.
Nos últimos anos avanzouse moito na tecnoloxía dos campos de fútbol artificiais, creando solucións que proporcionan sensacións máis próximas ás obtidas en campos de fútbol de herba natural, cunhas prestacións técnicas e deportivas moi boas, máis ecolóxicas e máis durables ao longo do tempo.
O pavimento a instalar é de última xeración, deseñado para a práctica do balompé e fabricado mediante o sistema tufting en zig-zag, cosida a máquina e cun mínimo de 8150 puntadas por metro cadrado, con filamentos de céspede en verde a dúas cores. As marcas dos campos de fútbol 11 e fútbol 7 levarase a cabo segundo os criterios indicados pola RFEF e a dirección de obra.
O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, sinala que “trátase dunha intervención moi necesaria nunhas instalacións que son epicentro deportivo. Non só de Cerceda, senón da comarca. Estamos ansiosos de ver colmada esta actuación, ofrecendo así unha resposta adecuada ás necesidades e situando o complexo do Roxo nun nivel de excelencia. A burocracia é lenta, pero tal e como aconteceu e acontecerá en máis espazos, a xestión e a paciencia dan os seus froitos.”