Cerceda aproba un orzamento de máis de 17 millóns de euros centrado no gasto social e os investimentos

2 minutes read

O pleno de Cerceda aprobou este mércores, nunha sesión extraordinaria, o orzamento de 2026. O balance previsto ascende a 17.196.523,01 euros, un 21% superior ás últimas contas aprobadas, que datan do 2024.

O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, afirmou que se trata dun orzamento “de importante compoñente social”. O plan elaborado polo goberno municipal reforza a dotación para o Servizo de Axuda no Fogar; incrementa os recursos para a organización das actividades municipais, que neste momento contan con máis de 1.200 participantes, e eleva as axudas a asociacións e colectivos que desenvolven a súa labor en Cerceda. Outra das partidas que destacan no eido social é a destinada ao gasto derivado da ampliación da escola infantil.

Tamén aumentan os investimentos, que contarán con máis de 4,4 millóns de euros. O documento económico recolle grandes obras como a humanización da praza do Campo da Feira, a reforma do local social de Meirama e o acondicionamento do aparcamento da igrexa da parroquia, o remate dos campos de fútbol, melloras noutras instalacións deportivas como piscinas e múltiples actuacións na rede viaria e de saneamento. Así mesmo, recóllense pequenas actuacións de renovación, como limpeza de beiravías, pintado de aparcadoiros ou eliminación de fochas.

Xunto con estas partidas e aparte do orzamento, cabe lembrar que o POS+ de 2024 está en fase de contratación. Trátase de máis de 600.000 euros que se están licitando en viais, sendas, accesos e saneamentos, a parte doutros plans de obras, que aínda incrementan máis o investimento.

O gasto corrente constitúe o capítulo con maior volume, cun desembolso de 7,7 millóns, mentres que o gasto en persoal aproxímase aos 4,4 millóns. O orzamento conta co informe favorable de Intervención.

A suba é salientable tendo en conta o peche da central de Meirama, que achegaba 1,2 millóns en impostos municipais. “Estamos orgullosos da xestión económica que se fixo no seu día trala perda destes ingresos”, comentou o rexedor. Así e todo, séguese traballando pola captación de proxectos industriais en favor das previsións económicas.

Neste sentido, Rodríguez remarcou que “o orzamento marca ás claras a nosa proposta de modelo de concello: que exista unha actividade económica que xere recursos públicos para Cerceda dos que se poidan beneficiar os veciños e as veciñas”.

A proposta de orzamento aprobouse co voto favorable do grupo municipal do PSdeG-PSOE (9), a abstención do PP (2) e o voto en contra do BNG (1).