Cerceda continúa a súa aposta pola mobilidade non motorizada executando novas beirarrúas

1 minutes read

O Concello de Cerceda continúa a súa firme aposta pola mobilidade non motorizada coa execución de novas beirarrúas nos Caseríos, na Silva, concretamente na AC-413.

Contemplado no Plan Único da Deputación da Coruña, o proxecto trata de cubrir 400 metros neste espazo, que servirá de enlace ademais coas sendas peonís que se están executando a continuación do mesmo.

Con base de formigón, quince centímetros de zahorra, e baldosa hidráulica, canalizarase previamente todo o percorrido con tubaxe de PVC de 315 milímetros, executando 8 arquetas con sumidoiros e 8 pozos de rexistro para a recollida de pluviais e a canalización da iluminación pública.

Instalaranse tamén 14 puntos de luz formados por columnas de aceiro galvanizado para optimizar tanto a seguridade peonil como dos vehículos que circulen pola estrada.

O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, sinala que “se trata dunha nova actuación que vén a refrendar a idea de favorecer a mobilidade peonil e de vehículos non motorizados como as bicicletas, en favor da comunicación e do benestar das veciñas e veciños de Cerceda”, admite, “unha idea de execución que queremos facer extensible o resto de espazos que o requiran”.