O Concello de Cerceda vén de convocar as axudas municipais para desprazamentos escolares durante o curso 2021/2022. O obxecto é apoiar aos estudantes que cursen estudos de bacharelato, ensinanza de réxime especial, formación profesional e universitaria.
A contía das mesmas será de 250 euros para todo o alumnado que cumpra os requisitos das bases, que se poden consultar no Boletín Oficial da Provincia publicado este martes 9 de novembro.
Poderán solicitar as presentes axudas as persoas físicas, pai, nai, titor/a, familia acolledora ou calquera outro que ostente a tutela dun, dunha ou varios menores escolarizados en centros de ensino público ou concertado nos que se impartan estudos de bacharelato e formación profesional de grao medio e superior, ensinanzas de réxime especial ou universitarios e para os que sexa necesario desprazarse fóra do concello e que reúnan os requisitos establecidos nas bases.
Será necesario adxuntar a documentación seguinte: solicitude de axuda completamente cuberto; xustificante da matrícula escolar para o curso 2021/2022; DNI, NIE ou pasaporte en vigor; libro de familia ou documento análogo; certificado de discapacidade, de ser o caso ou os anexos debidamente cumprimentados.
As persoas solicitantes deberán presentar a súa instancia coa documentación requirida no prazo de 20 días naturais, a contar a partir deste mércores 10 de novembro.