Chamorro, Santos e Serrano triunfan no XI Autocrós de Carballo

3 minutes read
  • A cita organizada por Máis Motor foi un éxito total de público, que vibrou nunhas finais marcadas pola emoción e a igualdade

O Campionato Galego de Autocrós arrincou esta fin de semana no circuíto municipal de Carballo, onde máis dun milleiro e medio de afeccionados gozaron dunha gran xornada de carreiras, na que as principais espadas de cada categoría pelexaron pola primeira vitoria da tempada. A meteoroloxía que foi mellorando segundo avanzaba a xornada, axudou a que houbese unha gran afluencia de público, que encheu as bancadas a partir da media mañá para gozar dos adestramentos clasificatorios, nos que Celestino Iglesias marcaba o mellor crono na categoría de ata 1.600cc, o mesmo fixeron Esteban Serrano e Antón Muíños en máis de 1.600cc e Carcross respectivamente.

Tras isto, chegaba o momento das semifinais, cunha pista en perfectas condicións para que todos os pilotos puidesen aproveitar ao máximo as súas monturas. Das tres mangas disputadas de Carcross, a máis igualada foi a primeira, na que Iván Ares e o seu compañeiro de equipo, Antón Muíños, libraban unha loita sen cuartel cos seus Semog Bravo, finalmente a vitoria foi para o tres veces Campión Galego, Iván Ares. Na segunda e terceira semifinal, os triunfos foron para Javier Ramilo e para Joaquín Chamorro, que non deron opción aos seus rivais de grella.

Na categoría de menos de 1.600cc a vitoria na semifinal foi para Alejandro Mallo, que aproveitou os problemas de Tino Iglesias tras unha intensa saída, na que ningún dos dous cedeu nin un milímetro. Moito máis apertada estivo a loita en máis de 1.600cc, na que o vixente Campión Galego, Javier Candal presionou ata o final a Esteban Serrano, pero sen poder superalo, o que lle daba a pole na final por pouco máis dun segundo ao piloto do Peugeot 106 GTI.

Chegaba a hora das grandes finais, arrincando coa categoría reina, a de Carcross, Chamorro a bordo da súa Kincar arrincando desde a pole aproveitaba para liderar o grupo e marcar un ritmo que ningún dos seus rivais puido chegar a seguir, aumentando aos poucos a distancia co grupo perseguidor, que durante as oito voltas liderou Iván Ares co seu Semog Bravo, por diante do Yacarcross de Javier Ramilo e de Antón Muíños, que tentaba superar ao piloto de Carballo pero non atopaba o espazo. Con todo, nos últimos compases da final o motor do vehículo de Ares empezaba a perder potencia e a poucos metros da meta vía como Ramilo e Muíños superábano case sobre a liña de meta, pechaba o top cinco Daniel Remuiñán. Primeira vitoria do ano para Chamorro, que arrinca a tempada desde o máis alto do podio. Nos vehículos con motor de menos de 1.600cc, Jesús Santos levou a vitoria na carreira organizada por Máis Motor tras unha gran saída na que adiantaba co seu Peugeot 106 ao Citroën Saxo de Alejandro Mallo, que tentou durante toda a final presionar ao líder, pero sen chegar a ter oportunidade para tentar o adiantamento, por detrás, Jorge Iglesias, con outro vehículo da marca do dobre chevrón conseguiu acabar na terceira posición. Tinín Iglesias e Rubén Álvarez foron cuarto e quinto respectivamente.


Clasificación final menos de 1600 cc

E na última final, Esteban Serrano non deu opción aos seus rivais, dominando de principio a fin a carreira, aínda que non se puido relaxar xa que por detrás Javier Candal e Daniel Castro estaban á espreita para tentar aproveitar calquera erro ou incidencia do piloto do Peugeot 106 GTI. Algo que non sucedeu, co que Serrano lograba a primeira vitoria da súa traxectoria deportiva no circuíto de Bertoa. A loita pola cuarta e quinta posición decidiuse a favor de Carlos Santos e Marcos Muíños.


Clasificación final máis de 1600 cc

Clasificación final Clase III Carcross