Chegan os mozos e mozas que participan no programa Conecta con Galicia de Emigración

1 minutes read

Responsables da Secretaría Xeral da Emigración recibiron este sábado no aeroporto de Santiago de Compostela-Rosalía de Castro aos participantes na segunda quenda do programa Conecta con Galicia, que nesta ocasión, proceden de Arxentina, Brasil, Suíza e Venezuela.

Este programa, realizado en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude, permite que persoas nadas en Galicia ou descendentes de emigrantes galegos de 16 e 17 anos volvan a ter contacto coa realidade galega e o encontro cos seus familiares, supoñendo para moitos deles a primeira posibilidade de coñecer fisicamente a terra das e dos seus devanceiros, e as xeracións da familia que quedaron na Galicia territorial.

Como xa ocorreu coa primeira treintena de participantes que remataron onte a súa estadía en Galicia, os rapaces que hoxe chegaron ao aeroporto de Santiago, trasladaranse ata o albergue xuvenil de Gandarío onde desenvolverán diferentes actividades lúdicas e deportivas ata o 11 de agosto.  Tamén, como xa fixeron os mozos da quenda anterior, participarán en visitas culturais e tamén poderán coñecer empresas punteiras situadas en diversos lugares de Galicia.