Aos tradicionais partidos de rivalidade provincial en primeira división estatal contra OAR e Camariñas, esta temporada súmase o derbi contra o Sweepend Culleredo, equipo que este ano debuta na categoría. Logo da perda da categoría do Balonmán Camariñas e a desaparición do Bm Átabro, Culleredo é o terceiro equipo da provincia na competición.
O Club Balonmán Culleredo e as Escolas de Balonmán Xiria son os únicos clubs da provincia que presentan equipos con regularidade en todas as competicións de base do balonmán galego, femininas e masculinas, a maior parte das veces nas ligas Ouro. Así, nesta tempada, Culleredo saca 11 equipos a competición dende infantil a sénior e Xiria pon 13 equipos en liza. Este paralelismo lévanos a ter un longo historial de partidos entre ambos clubs nos últimos anos en todas as categorías de base.
Ambos clubs tamén xogan partidos amigables en pre-tempada e os seus equipos son habituais no Carballo Handball Festival. Paralelamente é habitual ver aos equipos de Xiria nos torneos que ser organizan en Tarrío. Dous clubs irmáns na promoción de este deporte e que teñen enfocado o seu traballo á promoción do balonmán dende a base.
Culleredo acadou a categoría esta primavera, na fase de ascenso disputada na súa cancha, logo de gañar o posto como sub-campión galego de 1ª división autonómica. Nas tempadas 2018/19 e 2020/21 tamén estivo a piques de ascender, o que amosa que era un dos equipos punteiros nas competicións galegas.
Sweepend Culleredo estrea a categoría cun equipo moi xove, cunha media de 23 anos se contamos so ós xogadores con ficha no equipo senior. Se lle engadimos os xogadores invitados (xogadores dun equipo B ou en categoría xuvenil) a media baixa a 22 anos, onde 13 dos 20 deportistas teñen 23 anos ou menos. Está dirixido por un adestrador cunha grande traxectoria como xogador e como adestrador, Fernado Vázquez Quintero, estreitamente ligado ao noso club, como xogador dende o ano 2000 e logo como adestrador, onde pasou por todas as categorías e responsable en parte do desenvolvemento e o nivel competitivo actual das Escolas de Balonmán Xiria, e que nos levou ao sub campionato de 1º nacional na temporada 2018/19 e a disputar a nosa 5ª fase de ascenso a Prata.
No equipo tamén conta con mais coñecidos das Escolas de Balonmán Xiria, como Pedro Pereira, que se formou co Xiria ata xuvenís e logo seguiu medrando no OAR. Tamén pasou por Carballo Carlos Guisasola, pivote e central defensivo de gran talla. Nesta tempada o Culleredo incorporou a Alex Gómez, primeira liña de grande proxección que xogou ata agora co equipo carballés, desgraciadamente sufriu unha importante lesión en pre tempada da que agardamos se recupere e volva a dar o grande nivel que amosou en Carballo.
O Calvo Xiria afronta o campionato cun equipo en proceso de renovación coa participación de numerosos xogadores xoves. A media de idade é de 24 anos coas 12 fichas do primeiro equipo, a media baixa aos 21 anos se contamos aos 10 xogadores invitados (cos xogadores do Xiria B e dos xuvenís do Montaxes Carballo Xiria). En total Xiria compite con 17 xogadores de 23 anos ou menos, e só 5 de mais de 23, Chimpo Rodriguez, Jorge Bouzas, Gabriel Castiñeiras, Rubén Anes e o reincorporado Mario García de Seárez. O equipo carballés está dirixido por Adrián Dubra Ceniceros no que é a súa 5ª temporada como adestrador do primeiro equipo e responsable técnico da base. Precisamente accedeu ao posto logo da marcha de Fernado Vázquez a Culleredo, do que o propio Adrián foi pupilo como xogador e nos seus primeiros pasos como adestrador tamén estivo acompañado por Fernado.
O encontro corresponde á segunda xornada do campionato de primeira división nacional, e a primeira xornada de ambos equipos foi dispar, mentres o Calvo Xiria gañou por 1 gol no seu desprazamento a Gran Canaria amosando unha grande veteranía nun final moi igualado, o Sweepend Culleredo caeu no debut no seu feudo contra o Teucro, un histórico do balonmán galego, partido no que mostrou certa ansiedade polo debut en casa. Os precedentes dan vantaxe ao equipo visitante, xa que na pre-tempada víronse en dúas ocasións, a primeira o 19 de agosto en Culleredo cun resultado de 25-24 a favor dos locais, e o segundo no XII Torneo Solidario Bm Vetusta de Asturias cun resultado de 32-30 a favor do equipo de Fernando Vázquez.
Os ingredientes para este derbi están sobre a mesa, grandes coñecidos, grande rivalidades, grandes afeccións, estruturas similares, igualdade na pre-tempada, xuventude en ambos equipos, a tempada do 40º aniversario do Xiria… Imos ter un gran partido onde se verá un xogo rápido de contra ataque, de contra gol e un xogo de posición con moita preparación (haberá moitos brazos arriba ameazando xogo pasivo) por parte de ambos equipos. A vitoria será para aquel equipo que minimice as perdas de balón e que sexa máis eficaz na defensa do xogo posicional do contrario. A experiencia na categoría xoga a favor do Calvo Xiria e os antecedentes da pre-tempada a favor de Culleredo. Todos os alicientes dun gran derbi.
0