O auditorio do Pazo da Cultura de Carballo quedou pequeno este xoves para acoller á gran cantidade de simpatizantes do Partido Popular que arrouparon ao candidato da formación á Alcaldía de Carballo, Rubén Lorenzo Gómez, ante a presenza do presidente provincial do partido, Diego Calvo Pouso.
Tras unha breve presentación a modo de vídeo a número dez da lista popular, Uxía García Vilanova, exerceu de anfitrioa e deu paso ao candidato Rubén Lorenzo, quen tras definirse como “a única alternativa ao Goberno do BNG”, foi debullando o seu programa en oito propostas, entre as que destacan: «un Carballo para servir ás persoas con políticas baseadas na saúde e o benestar». Promocionar o deporte creando unha gran área de esparexemento xunto ao Anllóns, promover o sector turístico, oportunidades para o rural, ampliar o polígono, crear un edificio para entidades sociais, revitalizar as festas patronais, ampliar o parque de vivenda, televisar os plenos, ou desconxestionar o tráfico rodado coa apertura das rúas Perú e Vila de Negreira, completaron parte do discurso do candidato do PP. «Queremos un Carballo vivo que esperte do letargo no que o sumiu o BNG”, concluíu.
O presidente provincial, Diego Calvo, coincidiu tamén con Lorenzo en afirmar que o actual Goberno carballés do BNG «está esgotado» e pediu apoio para dar paso a «xente nova, preparada e con ilusión».
