CIG-Saúde denuncia que o Sergas gasta un millón ao mes no complemento para médicos que traballan na privada

2 minutes read

A GIG-Saúde denuncia que a través da Orde de Confección de Nóminas do ano 2024 a Consellaría de Sanidade incrementa o salario do persoal facultativo que, ademais de traballar na sanidade pública, faino na privada, aumentando o seu soldo nun valor equivalente a 80% do complemento específico que até agora só retribuía a dedicación exclusiva na sanidade pública.

Segundo explican desde a central sindical nacionalista, o custo desta medida será dun millón de euros ao mes, “un diñeiro de todos os galegos e que tería que destinarse a financiar a nosa sanidade pública, pero que logo desta decisión vaise destinar a favorecer os intereses da sanidade privada”.

Uns cartos, continúa o sindicato, cos que se poderían reforzar os cadros de persoal, reducir as listas de agarda e mellorar a calidade asistencial na sanidade pública. Ao mesmo tempo, critican o feito de que a modificación do complemento específico só se vai a aplicar ao persoal estatutario facultativo do sistema público de saúde, tal e como se recolle na Orde de Confección de Nóminas, “co que se discrimina a outros colectivos profesionais con salarios próximos ao salario mínimo, que se verán obrigados a renunciar ao complemento específico completo no caso de compatibilizar o seu traballo na pública e na privada”.

A Asociación Galega en Defensa da Sanidade Pública (Agdsp) tamén considera “discriminatorio” que a Consellaría de Sanidade permita que os médicos que compatibilicen o seu labor no Servizo Galego de Saúde (Sergas) coa sanidade privada poidan cobrar o complemento específico.

Nun comunicado, a Agdsp manifestaba fai uns meses o seu “máis enérxico rexeitamento” a que se abone este ‘plus’ considerado “de exclusividade” aos facultativos que exerzan tamén no sector privado, ao considerar que a Xunta busca “pagar favores e fraguar alianzas cunha parte do persoal sanitario”.

Por outra banda, a CIG-Saúde considera que a dedicación exclusiva é positiva para o sistema sanitario público e debe ser mantida e potenciada como unha forma de retribuír os profesionais que opten por ela, polo seu compromiso de só traballar na sanidade publica. Por iso defende que a dedicación exclusiva na sanidade pública “debe retribuírse adecuadamente”.