Cinco alumnos do IES Maximino Romero de Lema de Baio viaxarán a Bélxica co programa Erasmus+ Galemundo

2 minutes read

Cinco alumnos de 1.º de Bacharelato, Daniel, Laura, Mónica, Sabela e Paula, acompañados polos profesores Fina Paulos e Óscar Rey, viaxarán a Bélxica do 15 ao 21 de novembro no marco do programa Erasmus+ Galemundo, unha iniciativa que promove a cooperación internacional e o intercambio de experiencias entre centros educativos europeos.


Esta iniciativa forma parte do traballo do equipo de internacionalización do centro, formado polos profesores Begoña Raña, Elisa Eimil, Francisco Bóveda, Fina Paulos, Óscar Rey, Cristina Otero, Berta Toja e Ana Facal.

Durante a súa estadía, o alumnado visitará o centro educativo GO! atheneum en leefschool De Tandem, situado na provincia de Flandres Oriental, na Rexión Flamenca de Bélxica, entre as cidades de Bruxas e Gante. Esta mobilidade permitirá coñecer outras realidades educativas, compartir experiencias e establecer vínculos de colaboración con estudantes e docentes belgas.


Un dos principais obxectivos desta iniciativa é poñer en marcha unha colaboración estable entre ambos os centros que teña continuidade nos vindeiros cursos. A idea é desenvolver un proxecto común arredor dun horto intelixente que incorpore ferramentas de intelixencia artificial (IA) e tecnoloxías para a monitorización ambiental.


O proxecto contempla a recollida de datos relacionados coa humidade, a acidez do solo (pH), a temperatura e outros parámetros relevantes para o coidado e o desenvolvemento dos cultivos. Esta información compartirase co centro belga a través dun servidor web do noso instituto, favorecendo o traballo conxunto, a análise de datos e o intercambio de coñecementos entre o alumnado dos dous países.


Ademais da experiencia educativa e tecnolóxica, esta mobilidade supón unha oportunidade para mellorar as competencias lingüísticas, fomentar a autonomía persoal, coñecer outras culturas e promover valores europeos como a cooperación, a sustentabilidade e a innovación.


A colaboración terá continuidade no mes de abril, cando o alumnado e o profesorado do centro belga visiten o noso instituto para seguir avanzando no proxecto e compartir os resultados do traballo realizado.


Desde o centro valoramos moi positivamente esta experiencia, que abre novas posibilidades de aprendizaxe e colaboración internacional, e agradecemos á Consellería de Educación, Ciencia, Universiaddes e FP o impulso e o apoio a iniciativas como esta, que permiten ao alumnado ampliar horizontes, traballar en proxectos innovadores e vivir experiencias educativas enriquecedoras máis alá da aula.