- A formación popular celebrará encontros en todas as parroquias do municipio e reunirase tamén co tecido asociativo antes de rematar o ano para escoitar as súas demandas e propostas.
O Partido Popular de Muxía iniciará o vindeiro 23 de outubro unha rolda de reunións veciñais polas parroquias do municipio. O primeiro encontro terá lugar en Nemiña e marcará o comezo dun calendario de reunións que chegará a todas as parroquias antes de finalizar o ano.
A iniciativa ten como obxectivo reforzar o contacto directo coa cidadanía, coñecer de primeira man as necesidades de cada lugar e recoller as preocupacións e propostas dos veciños e veciñas para continuar traballando na mellora do municipio.
A portavoz do PP de Muxía, Sandra Vilela, destacou a importancia de manter este contacto directo co territorio: «Aínda que estamos todos os días en contacto cos veciños, parécenos importante organizar tamén estas reunións específicas nas parroquias. Queremos dedicar tempo a escoitar con calma, coñecer as cuestións que máis preocupan en cada lugar e recoller propostas que nos axuden a seguir avanzando».
Vilela sinalou que «Muxía é un concello con moitas parroquias e cada unha ten a súa propia realidade. É fundamental estar presentes en todas elas, escoitar a xente e coñecer de primeira man tanto as necesidades como as ideas que nos trasladan os propios veciños».
Encontros co tecido asociativo
Ademais das reunións veciñais, o PP de Muxía manterá encontros co conxunto do tecido asociativo do municipio antes de que remate o ano. A intención é coñecer de preto o labor que desenvolven as entidades locais, escoitar as súas demandas e analizar as necesidades e propostas dos distintos colectivos.
A portavoz popular subliñou que as asociacións desempeñan un papel fundamental na vida social, cultural e deportiva de Muxía, polo que considera necesario manter unha comunicación fluída con elas e coñecer as súas inquedanzas.
