29
Tres persoas resultaron feridas graves e dúas leves ao producirse unha colisión entre dous turismos este domingo en Vimianzo. Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, dúas das vítimas precisaron ser excarceradas polos Bombeiros de Cee ao quedar atrapadas no interior dos vehículos accidentados.
O sinistro tivo lugar no punto quilométrico 65 da AC-552, ao fío das 19:15 horas. Nese momento, unha persoa particular contactaba co 112 Galicia para alertar do ocorrido.
Acto seguido, os xestores do CIAE 112 Galicia requiriron a intervención do 061-Urxencias Sanitarias, dos Bombeiros de Cee, da Garda Civil de Tráfico e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade.