Circo político e medios de comunicación

4 minutes read

O pasado luns 4 de novembro tiña lugar o único debate electoral aceptado polo presidente do goberno en funcións Pedro Sánchez antes das eleccións, o cal foi xestionado pola Academia de televisión. Os 5 candidatos dos principais partidos: Albert Rivera (Cidadáns), Pablo Casado (PP), Pablo Iglesias (Unidas Podemos), Santiago Abascal ( VOX) e Pedro Sánchez (PSOE) batíanse o cobre ante a atenta mirada do electorado español.

Ademais, o xoves 7 de novembro, na canle privada A Sexta, celebrábase outro debate, esta vez en clave feminina, onde Inés Arrimadas (Cidadáns), Ana Pastor (PP), Irene Montero (Unidas Podemos), Rocío Mosteiro ( VOX) e Mª Jesús Montero (PSOE) facían o mesmo.

Dous debates, sorprendentemente separados polo xénero. Poucos cara a cara de primeiros espadas, e estes, de cinco pero moitos faladoiros e aparicións en programas de políticos con entrevistas, análises, preguntas e comentarios onde os medios de comunicación exercen a súa función e o seu modelo de negocio. Sobre ambos os debates, e ante a pregunta quen gañou o debate?. A resposta varía en función do medio no que elixas informarche. A unha opinión de vencedora ou vencedor claro, xustificada e baseada en opinións e comentarios de internautas sucédelle a contraria, diametralmente oposta, tamén versada e sustentada en apoios parecidos, pero con outro vencedor. Por suposto, tamén claro.

E é que as críticas á parcialidade, que non á obxectividade, por parte da opinión pública son cada vez máis numerosas. Entendemos que un medio privado é libre para apoiar unha determinada opción política, ideoloxía concreta, relixión, etc. Tamén asumimos que os dereitos fundamentais de liberdade de prensa e información sustentan o poder tomar partido por unha opción. Ora ben, a dúbidas da intencionalidade e os porque asoman como unha espada de Damocles sobre os Consellos de administración destas cadeas e poñen en dúbida, ao menos, a ética destas formulacións cando ademais, son tan claros e manifestos. Aínda por riba, as chamadas dos propios partidos á realización dun alude de opinións favorables cara ao seu candidato por afiliados e simpatizantes, atopan a luz con maior ou menor éxito en función da liña editorial que teñan, e con independencia de se a fíxo ben ou non tan ben. Distorsionando a veracidade do sucedido.

Atopamos cadeas de televisión importantes que apoian a partidos de esquerda e de dereita, de centro e nacionalistas. De igual maneira sucede nas cadeas de radio con maior número de oíntes. Así como a prensa e canles na internet. Incluso os medios de comunicación públicos, tanto estatais como autonómicos, que ao estar financiados co diñeiro do contribuínte e os seus impostos, deberían ser imparciais e non funcionar como o altofalante propagandístico dunha determinada opción política ou ideoloxía, pecan do mesmo.

Con este batiburrillo de liñas editoriais e posicionamentos ideolóxicos claros traducidos en apostas por partidos concretos o caos e a confusión, están servidos. Se a isto engadímoslle a moda das noticias falsas (fake news), as cales xogan un papel importante na desinformación e na consecución de obxectivos de acoso e derriba para co “inimigo,” atopamos que tanto a división como a percepción de separación aumenta de forma exponencial. Mentiras, medias verdades, verdades a medias, verdades cociñadas ao gusto, verdades sazonadas con dubidosos intereses, titulares grandilocuentes partidistas, sucesos máis ou menos esaxerados, constitúen o caldo de cultivo actual co que o cidadán, hoxe en día ten que lidar. Debendo ser moi coidadoso á hora de formarse opinión para non caer na trampa.

Pero tamén debemos, como espectadores, entoar o mea culpa e asumir parte da nosa responsabilidade. Deixar de ver a información política sen espírito crítico, abandonar comportamentos que deriven en branco ou negro, máis propios de hooligans ante un derby de xente que trata de formarse unha opinión, non buscar a reafirmación case constante das nosas formulacións como verdades absolutas, non aceptar e aplaudir como válidos os ”…e ti máis” e esixir, sen fisuras, unha imparcialidade que debe ser axioma no exercicio do xornalismo, rexeitando a información que non se trata baixo o paraugas da obxectividade e o seu prisma.

Nin que dicir ten que a maior componenda de culpa vén da man de quen, de xeito evidente manexa a información ao seu antollo e xoga con ela pero, pola parte que nos toca, debemos primeiro coñecelo, segundo denuncialo e por último reflexionar en como debemos asimilar e manexar dita información. En definitiva e sendo conscientes da confusión que todo isto crea, ser responsable e non crer cos ollos pechados nada do que che dean masticado. Sen dúbida, dubidar, buscar, e darche permiso para equivocarte, quizais así acertes, pero sempre ti, nun exercicio da tua liberdade e sen liña editorial.

ALEJANDRO LUÍS OTERO JAMARDO