O secretario xeral do PSdeG clausurou este sábado o congreso provincial do PSdeG de Ourense, no que culminou o proceso de renovación orgánica e a reelección de Rafa Villariño como secretario provincial. Alí, Valentín González Formoso reivindicou a política que está a levar a cabo o Partido Socialista dende cada unha das institucións nas que goberna, “con políticas en beneficio da cidadanía con independencia do partido ao que voten ou de quen goberne no municipio no que residen”.
“Nós non facemos”, subliñou Formoso, “como fai Baltar ou como fai Feijóo, e sabemos que os ríos necesitan ser depurados, que os nenos necesitan escolas infantís e que os maiores precisan centros sociais aínda que haxa un alcalde doutra cor política”. “Esa é a nosa obsesión e orgullo: estar ao carón da xente, repartir con criterios obxectivos e en base ao principio de igualdade de oportunidades”, afirmou en referencia á xestión que se está a facer dende as deputacións provinciais e concellos gobernados polo PSOE.
Valentín González Formoso remarcou que “é a hora do Partido Socialista de Galicia” e “tócanos ser capaces de ilusionar, de traballar en positivo e de chamar a atención dunha Galicia que non se conforma nin se resigna e que, por suposto, non é o graneiro de votos de ningunha formación política nin a reserva ideolóxica do PP”. Coa finalidade de traballar para ser “unha ferramenta útil para a sociedade”, o secretario xeral do PSdeG, lembrou que “é preciso manter unha interlocución constante coa cidadanía” e que, nese obxectivo, “somos necesarios todos e cada un de nós”, concluíu.