- Desde o goberno local sinalan que «as portas están abertas cara a celebración dunha nova edición”
No Concello de Muxía rematou o proxecto ‘Cociñando relacións’, unha iniciativa desenvolvida polo goberno local e o Centro de Información á Muller para concienciar á xuventude sobre a igualdade de xénero, fomentando a autocrítica e a reflexión persoal.
O programa conformouse a través de tres actuacións: «Entre fogóns falamos de relacións», onde se traballaron os conceptos básicos de socialización ou identidade de xénero e se puxo en práctica unha actividade para realizar as tarefas do fogar de xeito equitativo; «Receitas de sororidade», desde onde se abordaron, entre mulleres, os conceptos básicos de igualdade de oportunidades, a capacidade de dicir non ou o recoñecemento da violencia de xénero; e, por último, «Pinchos do botrato», que tivo lugar no instituto Ramón Caamaño e onde se fixo fincapé na ruptura dos roles e estereotipos de xénero como factores causantes das desigualdades.
Tras o remate deste proxecto elaborarase un “Receitario do botrato” que se achegará á poboación en forma de axenda, onde se verán plasmadas imaxes do proxecto e a reflexión de todas e todos os participantes.
Desde o goberno local destacan a “exitosa convocatoria que tivo este programa», polo que «as portas están abertas de cara a celebración dunha nova edición”.