COGAMI busca alumnado para un curso que vai impartir na Coruña

1 minutes read

As persoas maiores de idade, que teñan certificado de discapacidade ou unha incapacidade laboral para a profesión habitual, poden reservar praza no curso que a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) vai iniciar nas instalacións que ten en A Coruña (Avda. De Cádiz, nº1, 1º andar, local 2).

O curso é de Actividades administrativas na relación co cliente e contará con 818 horas lectivas das que 120 serán para realizar prácticas en empresas da zona. Esta formación, totalmente gratuíta, iniciará o 18 de novembro e impartirase en horario de 9 a 14 horas. A data de finalización será a finais do mes de xullo.

As persoas interesadas obterán un certificado de acreditación nivel 2 e, como requisito de acceso, aparte do certificado de discapacidade sería cumprir estes outros: Graduado en Educación Secundaria Obrigatoria; certificado de profesionalidade de nivel 2; certificado de profesionalidade de nivel 1 da mesma familia e área profesional; cumprir o requisito académico de acceso aos ciclos formativos de grao medio ou ben haber superado as correspondentes probas de acceso reguladas polas administracións educativas.

Outros requisitos comprenden ter superada a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos e/ou 45 anos e ter as competencias clave necesarias para cursar con aproveitamento da formación correspondente ao certificado de profesionalidade.

Esta formación está recollida no Plan Formativo para o Emprego das persoas traballadoras desempregadas de Galicia para o período 2021-2023, denominado como AFD, que financia a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, e o Ministerio de Educación e Formación Profesional.