COGAMI escoita ás empresas para coñecer a súa visión sobre a discapacidade

1 minutes read

Co fin de implicar ás empresas como axentes de inserción laboral, a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade embarca nun proxecto que pretende mellorar as oportunidades laborais das persoas con discapacidade. Denominado Decid-E (Desenvolvemento de Redes de Cooperación Transnacional para a Inclusión Laboral das Persoas con Discapacidade), este proxecto, ademais de desenvolverse en Galicia a través de COGAMI, tamén se está a levar a cabo en entidades doutras comunidades españolas, ademais de Francia e Portugal.

Iniciado por COCEMFE, entidade da que forma parte COGAMI a nivel estatal, e cofinanciado polo Fondo Social Europeo e Fundación ONCE, a través do  Programa POISES (Programa Operativo de Inclusión Social e Economía Social, 2014-2020), este proxecto ten por obxectivo mellorar as oportunidades laborais das persoas con discapacidade a través de iniciativas de cooperación europea entre entidades que traballan pola inclusión laboral das persoas con discapacidade física, orgánica e sensorial.

Dende COGAMI contactouse con empresas de Lugo, Santiago, Ourense e Vigo para debater os seus puntos de vista sobre a discapacidade. Nestes encontros, as empresas participantes amosaron a súa satisfacción coa iniciativa porque lles permite xerar un espazo onde poder coñecerse e compartir experiencias. Estes foros serven tamén para eliminar falsos mitos, medos, dúbidas e derrubar barreiras mentais, así como normalizar a discapacidade como unha característica máis da persoa.

Nesta busca do contacto directo co empresariado para coñecer a súa visión sobre a relación que mantén cos servizos de emprego de entidades como COGAMI, ademais de afondar no papel das empresas como axentes de inserción e trazar liñas de colaboración, analizáronse metodoloxías aplicadas para identificar boas praxes e consensualas cunha posta en común do persoal técnico dedicado á orientación laboral.