A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) únese á Confederación Española de Personas con Discapacidad Física y Orgánica (COCEMFE) na conmemoración da Semana Europea da Mobilidade para promover a recollida de incidencias de accesibilidade mediante o uso da aplicación móbil ‘AccesibilidApp’.
Durante a Semana Europea da Mobilidade que se celebra do 16 ao 22 de setembro, dende o movemento asociativo da discapacidade queren animar á xente a que recolla incidencias a través da ferramenta tecnolóxica `AccesibilidApp´, co fin de que as nosas vilas e cidades sexan máis habitables, seguras e sostibles para a cidadanía.
Dende COGAMI preténdese implicar a toda a sociedade na recollida de incidencias coa aplicación ‘AccesibilidApp’, ferramenta de participación cidadá, desenvolvida por COCEMFE e Fundación Vodafone España, que resulta gratuíta e aberta, que permite recoller as incidencias en accesibilidade que se vaian atopando cando se deambula polas rúas. Na aplicación pódense incluír imaxes da incidencia e a súa localización.
Neste aplicativo, que se pode descargar e instalar en calquera dispositivo móbil como xa fixeron as 2.717 persoas rexistradas, chegaron a recollerse un total de 750 incidencias dende a súa posta en marcha no ano 2019, das que 418 foron recollidas durante este ano.