En Galicia hai 9.189 menores con discapacidade con idades comprendidas entre os 0 e os 15 anos, dos que o 34% teñen recoñecida unha discapacidade física, segundo últimos datos publicados pola Xunta de Galicia. Nestas etapas de crecemento é fundamental coidar e protexer a estes nenos e nenas, por iso dende a Confederación Galega de Personas con Discapacidad (COGAMI) existen programas e servizos específicos dirixidos á mellora da súa autonomía persoal. Dende COGAMI queren dar visibilidade durante todo este ano 2023 a unha campaña de sensibilización sobre as necesidades que presentan as persoas con discapacidade e familias. É unha chamada á acción para visibilizar un grupo social que representa o 9% do total da poboación. No mes de agosto reivindican a igualdade de oportunidades nas nenas, nenos e adolescentes con discapacidade. É necesario dirixir servizos específicos que favorezan o seu desenvolvemento, así como educar a unha sociedade para que sexa inclusiva con todas as persoas.