COGAMI reclama prioridade na vacinación da COVID-19 para as persoas con discapacidade e os seus coidadores

1 minutes read
  • Considera que se debe priorizar nas persoas con patoloxías que lles afectan ao sistema inmune e aquelas que contan cun maior grao de dependencia

Ante a estratexia de vacinación fronte ao COVID-19, a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) reclama prioridade para as persoas con discapacidade de especial risco, así coma para aquelas que as coidan. “É urxente protexer tanto ás persoas con discapacidade física e orgánica como o seu entorno familiar, asistencial e sociosanitario fronte aos efectos perigosos que supón infectarse por SARS-CoV-2”, explica o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga.

Dende a entidade consideran que tamén se debe incluír no grupo prioritario de vacinación ás persoas con patoloxías ou condicións que lles afectan ao sistema inmune e presentan risco de enfermidade grave. Neste grupo estarían as persoas transplantadas, con inmunosupresión, enfermidades neurolóxicas, ELA ou con fibrose quística, entre outras.

As persoas con maior grao de dependencia, os profesionais que as atenden e aquelas con gran dependencia ou con incapacidade absoluta que precisen axuda dunha terceira persoa e non teñen recoñecido o grao de dependencia III, tamén deberían de ser prioritarias na campaña de vacinación.

Para COGAMI resulta fundamental que se proceda a unha vacinación conxunta de persoas usuarias, das súas coidadoras profesionais e do servizo de asistencia persoal. Segundo explica Anxo Queiruga “tanto no caso de que se contaxien como se teñen que adoptar medidas preventivas de illamento, impactan directamente no coidado das persoas que requiren do servizo, habendo dificultade para cubrir estas baixas”.