COGAMI reclama un curso escolar que garanta a educación inclusiva dos discapacitados

1 minutes read

Co arranque deste novo curso escolar, dende a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) piden que sexa inclusivo, cunha educación que favoreza o desenvolvemento da personalidade, das capacidades e competencias do alumnado con discapacidade e respondendo ás súas necesidades individuais, como así se recolle no artigo 24 da Convención Internacional dos Dereitos das Persoas con Discapacidade.

Dende COGAMI esixen que o sistema educativo galego asegure as condicións, actuacións, medidas, dotación de recursos, apoios e reforzos educativos para a educación inclusiva en todas as etapas, incluídas as non obrigatorias. Os centros educativos deben tamén asegurar e promover a accesibilidade universal tanto física, como sensorial, comunicativa e cognitiva.

Inciden que as institucións educativas son responsables de asignar os recursos necesarios para desenvolver unha educación inclusiva de calidade, implantando medidas efectivas que dean resposta ao alumnado con discapacidade; dotando de recursos humanos, materiais e tecnolóxicos os centros educativos; apoiando; impulsando actuación de toma de conciencia e sensibilización dirixidas á comunidade educativa; garantindo a participación do alumnado con discapacidade en igualdade de condicións nas actividades, xogos e tempo recreativo e formando ao profesorado e resto de profesionais do sistema educativo no enfoque de dereitos e educación inclusiva.