COGAMI solicita ás Administracións un compromiso coa economía social para paliar os efectos da COVID-19

2 minutes read
  • Tamén piden que se cumpra coa lei de contratación pública e que as administracións reserven a carga de traballo que especifica a norma para os centros especiais de emprego de iniciativa social

«A COVID-19 impactou directamente nas iniciativas de economía social e cómpre un firme compromiso por parte das Administracións mediante a adopción de medidas para paliar as consecuencias e favorecer a recuperación dos centros especiais de emprego». Así o sinalan dende a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), que ademais adican o mes de xuño á economía social, aproveitando a campaña 12 Chaves da Inclusión que foi lanzada este ano polo 30 aniversario da organización.

Exemplo de economía social son os centros especiais de emprego sen ánimo de lucro que teñen por obxectivo o fomento do emprego de persoas con discapacidade. Galicia actualmente rexistra un total de 32 centros asociados a Cegasal (Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego Sen Ánimo de Lucro) nos que traballan máis de 1.500 persoas, das cales 663 fano nalgún dos 11 centros que promove COGAMI. Estas iniciativas sociais xeran as súas propias oportunidades laborais a persoas con discapacidade en sectores como medio ambiente, alimentación, artes gráficas, téxtil, distribución, consultoría e transporte, nas que máis do 90% teñen discapacidade.

En palabras do presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, os centros especiais de emprego de iniciativa social “supoñen unha oportunidade laboral, que non sempre oferta a empresa ordinaria a persoas con discapacidade, e que nos permite máis autonomía e trazar un proxecto de vida como calquera outra persoa”.

Ao igual que na maioría de empresas, o impacto do COVID-19 tamén se notou en COGAMI Empresarial, tendo que paralizar ou reducir temporalmente a actividade dalgúns dos centros especiais de emprego trala declaración do estado de alarma, e noutros casos, continuaron a prestar servizos, en modo teletraballo, dando apoio e soporte. Dende COGAMI solicitan ás Administracións un firme compromiso coa economía social mediante a adopción de medidas para paliar as consecuencias e favorecer a recuperación. Así mesmo, piden que se cumpra coa lei de contratación pública e que as administracións reserven a carga de traballo que especifica a norma para os centros especiais de emprego de iniciativa social, sen ánimo de lucro.