A creación e posicionamento por parte do Concello da marca «en Outes!» contará coa colaboración da área de Turismo da Deputación da Coruña. O orzamento da achega provincial ascende a case 18 mil euros, que se destinarán á mellora da comunicación e do posicionamento do destino turístico.
O vicepresidente e deputado de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e o alcalde de Outes, Manuel González, asinaron o convenio de colaboración, que foi aprobado no pleno deste mércores día 30 de decembro, para a promoción turística do concello.
Na iniciativa inclúese o deseño da imaxe corporativa que aglutine todas as opcións de comunicación baixo a mesma marca «en Outes!» e o apoio a distintas ferramentas para a súa promoción. Entre outros produtos novos, engádese a elaboración dunha guía e un vídeo turístico que dean a coñecer a diversidade de recursos naturais e patrimoniais que desperte o interese de visitantes ademais da creación dun arquivo fotográfico para difundir os distintos puntos de atractivo turístico e alimentar os soportes promocionais.